O Clube Deportivo As Pontes femenino

O CD As Pontes feminino creouse no ano 2008 e nesa pretemporada contaba con máis de 40 rapazas que querían comezar a xogar ao fútbol. Co tempo o número de xogadoras foi descendendo ata chegar ás 25 actuais. Leti, Silvia, Noe, Andrea Pita, Miri, Yaiza, Carmela, Jani, Lara, Clara, Alba, Lau, Lía, Carlota, Patri, Chipy, Candela, Monda, Laura Permuy, Patri Rochela, Uxía, Carla, Nato, Paula e Emma son rapazas de entre 11 e 29 anos que levan xogando xuntas, as que máis, 4 temporadas.

Nesta temporada, o CD As Pontes militou no Grupo 1 da 2ª Autonómica feminina e foi o 8º clasificado na Liga, perdendo na Copa contra o Portosín de Preferente.

No primeiro ano de existencia do equipo, dúas das súas xogadoras (Patricia Blanco e Yaiza) foron chamadas para a Selección galega sub-16 e xogaron o Campionato de España desta mesma categoría. A primeira fase tivo lugar en Marbella, e a selección quedou fóra por un só tanto.

Na temporada 2009-2010 conseguiron pasar a fase de grupos da Copa Galega e continuar, xunto co Victoria da Coruña (actual equipo de Preferente autonómica), na seguinte fase da competición. Ademais, revalidaron o título do trofeo de Cariño que xa gañaran a temporada anterior.

Un dos seus mellores logros foi o pase a oitavos de final da Copa Galega, na temporada 2010-2011. Tras quedar primeiras na fase de grupos por riba do Monte Forte e o Milagrosa (dous dos equipos máis fortes da Liga), pasaron á seguinte fase na que xogaron contra o Bértola, 2º clasificado esta temporada en Preferente Autonómica.

Unha colaboración de Carla Da Silva Castro.

Os comentarios están pechados.