É tempo d’As Boliqueiras! É tempo de Cunqueiro!

NOVIDADE IMPORTANTE:

o prazo para a presentación de traballos foi ampliado, tedes agora até o 23 de abril!

Xa se fixo pública a convocatoria do V Certame das Boliqueiras, que organiza o grupo pontés da Mesa pola Normalización Lingüística, coa axuda do Concello das Pontes e de Endesa. Nesta convocatoria, o escritor Álvaro Cunqueiro é  a figura central, e nas categorías destinadas ao alumnado de secundaria hai novidades importantes, que convidan a novas formas de ser creativos.

E.S.O. / traballos para voces

Para 1º e 2º da E.S.O.  trátase de elaborar, por equipos, un arquivo de audio (podcast), en que, se adapte para varias voces (narrador, diferentes personaxes que dialogan, ou pensan…) un conto de Cunqueiro. Poderá haber efectos sonoros ou musicais, e tal traballo non debería exceder os 3 minutos de duración.

Os textos, dos cales os participantes deberán escoller un, figuran nos libros Os outros feirantes e Xente de aquí e acolá e son os seguites: “O paraugas Xacinto”,” Os diálogos de Perrín”, “Barcas e o golpe”, “O cabalo de Alberte Merlo”, “Amadeo de Sabres”, “Paulino de Botas” ou “O corvo Estanislao”.

3º e 4º da E.S.O. e Bacharelato / curtametraxes

Para o Bacharelato,  nas Boliqueiras deste ano propóñenvos a elaboración dunha curtametraxe, que non exceda os 3 minutos, e que consista nunha adaptación audiovisual dun conto de Cunqueiro. O traballo tamén se realizará por grupos e, evidentemente, a recreación do relato será libre, isto é, non ha de recoller punto por punto o que aparece no texto, senón que os participantes poderán seleccionar os aspectos que crean convenientes, e mesmo modificar o desenlace da acción.

Os contos  que deben servir de partida para a elaboración do audiovisual están tamén comprendidos en Os outros feirantes ou Xente de aquí e acolá, e son os seguintes:  “Liñas de Eirís”, “Rello de Pontemil”, “Tristán García”, “Don Felicio escribe desde o outro mundo”, e “O corvo Estanislao”. Os participantes, ao igual que na categoría anterior, deberán de elexir un deses relatos para a súa curtametraxe.

O premio, para cada categoría, é de 150 €. E o prazo de presentación dos traballos foi ampliado até o 23 de abril.

Podedes presentar os traballos na Biblioteca Municipal das Pontes, ou ben a través do seguinte correo electrónico: boliqueiras@gmail.com. Non esquezades indicar o nome dos participantes, así como o voso enderezo e un número de teléfono de contacto.

Para máis información, diríxete ao Equipo de Dinamización Lingüística.

Os comentarios están pechados.