ConvocatoriasArchive for the '' Category

Os recortes no ensino público: moito que falar


Xuño 11th, 2012

O mércores, 13 de xuño, ás 19:30, estamos convocados no cine Alovi das Pontes para un acto sobre os recortes que se están a vivir nos servizos públicos, e máis concretamente, no ensino.  A Federación de A.N.P.A.s Abrente organiza a proxección do documental que sobre este tema se elaborou entre a comunidade educativa do I.E.S. Moncho Valcarce, baixo a dirección de Lupe Leira.

A seguir esta proxección, haberá un debate-coloquio moderado por Javier Santamariña, representante de Abrente, e no cal intervirá, entre outros, o economista e profesor da UDC Anxo Calvo. Nese coloquio poderán tomar a palabra todos os asistentes, xa que pretende ser un acto aberto e participativo.

No EDNL do Moncho estamos moi orgullosos de que os compañeiros de Abrente decidisen proxectar este traballo, a modo de estrea, no acto do vindeiro mércores, xa que a realización de documentos audiovisuais foi unha das liñas de traballo que nos propuxemos para este curso académico.

Suma a túa voz, ven ao Alovi o vindeiro mércores!

 

date
 

I “Sentada pola lingua”


Maio 9th, 2012

O sábado 12 de maio, ás 12 da mañá, a Mesa das Pontes convócanos para traer a lingua á praza. No Parque Municipal todas as veciñas e veciños da vila e a contorna estamos convidados a lermos  un texto en galego da nosa escolla. Quen o desexe, poderá poñerse en pé para ler, recitar e/ou cantar un anaco da obra seleccionada.

Trátase dun acto aberto, lúdico, festivo e reivindicativo, como é sempre a Festa das Letras. Queremos galego, tamén na rúa!

Nesta “sentada”, ademais da participación de Xalo Maira, responsable do pub F&K e gañador do premio O Tesouro polo emprego do galego no mundo da empresa, contaremos tamén coa presenza de músicos e poetas da vila.

Animádevos, tráede a lingua convosco!

date
 

É tempo d’As Boliqueiras! É tempo de Cunqueiro!


Febreiro 27th, 2012

NOVIDADE IMPORTANTE:

o prazo para a presentación de traballos foi ampliado, tedes agora até o 23 de abril!

Xa se fixo pública a convocatoria do V Certame das Boliqueiras, que organiza o grupo pontés da Mesa pola Normalización Lingüística, coa axuda do Concello das Pontes e de Endesa. Nesta convocatoria, o escritor Álvaro Cunqueiro é  a figura central, e nas categorías destinadas ao alumnado de secundaria hai novidades importantes, que convidan a novas formas de ser creativos.

E.S.O. / traballos para voces

Para 1º e 2º da E.S.O.  trátase de elaborar, por equipos, un arquivo de audio (podcast), en que, se adapte para varias voces (narrador, diferentes personaxes que dialogan, ou pensan…) un conto de Cunqueiro. Poderá haber efectos sonoros ou musicais, e tal traballo non debería exceder os 3 minutos de duración.

Os textos, dos cales os participantes deberán escoller un, figuran nos libros Os outros feirantes e Xente de aquí e acolá e son os seguites: “O paraugas Xacinto”,” Os diálogos de Perrín”, “Barcas e o golpe”, “O cabalo de Alberte Merlo”, “Amadeo de Sabres”, “Paulino de Botas” ou “O corvo Estanislao”.

3º e 4º da E.S.O. e Bacharelato / curtametraxes

Para o Bacharelato,  nas Boliqueiras deste ano propóñenvos a elaboración dunha curtametraxe, que non exceda os 3 minutos, e que consista nunha adaptación audiovisual dun conto de Cunqueiro. O traballo tamén se realizará por grupos e, evidentemente, a recreación do relato será libre, isto é, non ha de recoller punto por punto o que aparece no texto, senón que os participantes poderán seleccionar os aspectos que crean convenientes, e mesmo modificar o desenlace da acción.

Os contos  que deben servir de partida para a elaboración do audiovisual están tamén comprendidos en Os outros feirantes ou Xente de aquí e acolá, e son os seguintes:  “Liñas de Eirís”, “Rello de Pontemil”, “Tristán García”, “Don Felicio escribe desde o outro mundo”, e “O corvo Estanislao”. Os participantes, ao igual que na categoría anterior, deberán de elexir un deses relatos para a súa curtametraxe.

O premio, para cada categoría, é de 150 €. E o prazo de presentación dos traballos foi ampliado até o 23 de abril.

Podedes presentar os traballos na Biblioteca Municipal das Pontes, ou ben a través do seguinte correo electrónico: boliqueiras@gmail.com. Non esquezades indicar o nome dos participantes, así como o voso enderezo e un número de teléfono de contacto.

Para máis información, diríxete ao Equipo de Dinamización Lingüística.

date
 

Falar de amor (San Valentín 2012)


Xaneiro 31st, 2012

Concurso de declaracións amorosas

Bases

  • Poderán concursar todos os membros da comunidade educativa do I.E.S. Moncho Valcarce.
  • As “declaracións de amor” terán unha extensión máxima de 15 palabras.
  • Todas as declaracións serán textos orixinais, ideados e pensados polos/polas participantes.
  • Unicamente poderán concursar traballos escritos en lingua galega.
  • As declaracións presentaranse, preferentemente, en soporte dixital, a través do correo electrónico (á conta normaliza.ies.moncho.valcarce@gmail.com), ou ben manuscritos, nun sobre pechado, depositándoas na urna habilitada a tal efecto que se encontra na entrada principal. No correo electrónico, ou no papel da declaración manuscrita, indicarase o nome a apelidos do/da concursante, así como o grupo en que cursa estudos.
  • Haberá tres niveis:
  1. 1º, 2º e 3º da E.S.O.
  2. 4º da E.S.O., Bacharelato, e P.C.P.I.
  3. Profesorado, pais e nais, e persoal non docente.
  • A data límite para a entrega de traballos será o 10 de febreiro de 2012.

Segundo se vaian recibindo as “declaracións”, outorgaráselles un número de rexistro. A continuación, iranse facendo públicas no blogue de Dinamización Lingüística (euquesei.blogaliza.org) acompañadas dese número, e sen facer pública a súa autoría.
Os premios fallaranse o 14 de febreiro, e serán entregados ese mesmo día. Terán un marcado carácter “romántico”.

date
 

Concurso literario “Carlos Casares”


Xaneiro 20th, 2012

Desde a Agrupaçom cultural O Facho d’A Coruña, chéganos o convite para participarmos no concurso literario que leva o nome do escritor Carlos Casares. Esta é a información máis relevante das bases do concurso:

  1. Poderán participar rapaces e rapazas que presenten as súas obras en lingua galega. Os traballos deberán ser orixinais e inéditos.
  2. O prazo de admisión finaliza o 31 de marzo de 2012.
  3. Os orixinais deberán ser enviados á sede da Asociación Cultural O Facho, que é; r/ Federico Tapia 12, 1º 15005 A Coruña. Hai que presentalos por duplicado, encadernadas ou grampadas, e no último dos folios figurarán os seguintes datos: nome e apelidos do autor/a; enderezo postal, teléfono e correo electrónico; centro en que cursa estudos; categoría en que participa.
  4. As obras haberán de ser relatos orixinais inéditos (tanto en formato dixital como en papel) e non premiados anteriormente.
  5. Hai dúas categorías: unha primeira para nenos e nenas de 6 a 12 anos, e outra para a rapazada comprendida entre os 13 e os 16 anos.
  6. Os premios económicos son importantes. Para a categoría de 13 a 16 anos, 500 € par ao gañador e 400€ para o finalista.
  7. A extensión máxima dos traballos non poderá sobrepasar os 10 folios.

En todo caso, de animáreste a participar, non deixes de poñerte en contacto co Equipo de Dinamización Lingüística, para darche máis información e para facer o envío desde o propio centro.

date
 

I Concurso de Curtas co móbil na Rede CeMIT


Novembro 25th, 2011

Desde a Consellaría de Educación, en colaboración coas aulas CeMIT (Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) de Abegondo e  de Vimianzo chéganos esta interesantes convocatoria, un corcurso de curtametraxes feitas por mozas e mozos. Lembra que nas Pontes temos unha destas aulas. Canto ás bases do concurso, son estas:

  1. A participación no Concurso é gratuíta e diríxese a persoas matriculadas na ESO ou Bacharelato da
    Comunidade Autónoma de Galicia, cunha idade comprendida entre 14 e 20 anos (ambas as dúas
    inclusive), e que dispoñan dunha aula CeMIT no seu municipio ou arredores.
  2. Neste concurso poderase participar tanto individualmente como por grupos dun máximo de 5
    persoas. Este punto ten como finalidade fomentar o traballo en equipo.
  3. Cada centro educativo inscribirá ao número de grupos ou persoas participantes que considere
    adecuado, coa única limitación dunha única curta por equipo-grupo.
  4. Cada equipo designará un titor que forme parte do persoal docente do centro educativo. A súa
    tarefa será velar polo cumplimento das normas do concurso e interelacionarse coa aula CeMIT
    correspondente para a inscrición e a entrega das curtas para o concurso.
  5. Non poderán participar menores de 14 anos, persoal empregado das entidades organizadoras e
    colaboradoras nin os seus familiares directos; tampouco se poderá presentar o persoal empregado
    nin os familiares directos de calquera empresa que participe baixo contrato na promoción ou na
    xestión técnica do concurso.

O prazo de inscrición está aberto dende o 15 de novembro de 2011 ata o 29 de febreiro de 2012 (que
coincidirá con prazo de entrega da curta). Para vos  inscribirdes neste certame, poñédevos en contacto con algún integrante do Equipo de Dinamización Lingüística ou ben coa Vicedirección. Ánimo, que creatividade non vos falta!

Máis información sobre as bases do concurso, nesta ligazón.

Estas son algunhas das características xerais das micromovies.

  1. A micromovie non poderá superar os 2 minutos de duración e utilizarase como lingua vehicular o galego.
  2. A temática versará sobre as funcionalidades que ofrece a rede de aulas CeMIT como referente no acceso e na formación no uso das novas tecnoloxías así como das vantaxes das Tecnoloxías daInformación e a Comunicación (TIC) e o seu impacto na vida cotiá das persoas.
  3. A súa realización será exclusivamente mediante a cámara do teléfono móbil podendo logo, si se desexa, editarse con ferramentas externas.
  4. As micromovies deben ser orixinais, incluídos os títulos de crédito se os houbese, e gravados namáxima resolución e calidade posibles.
  5. O formato das obras pode ser 3GP, 3GPP, MP4, MPG, SMV, FLV, SWF, AVI, MOV.
  6. Cada participante individual ou grupo soamente poderá presentar unha única curta, non admitíndose micromovies derivadas doutra micromovie presentada. Ademais será obrigatorio queestas sexan producidas dentro do prazo de validez deste concurso.
  7. O xurado / organización resérvase o dereito de non admitir aquelas obras que inciten ao racismo, áxenofobia, á violencia de xénero, á homofobia ou que consideren inadecuadas/incompatibles cosobxectivos do concurso.
  8. As micromovies non deberán facer publicidade nin promover o uso de ningún producto ou servizode natureza comercial.
  9. Os concursantes responsabilízanse de que non existan dereitos a terceiros polo uso de pezas musicais nas obras presentadas, nin reclamación algunha polos dereitos de imaxe das persoas queaparezan nelas, eximindo á organización de calquera tipo de responsabilidade. De todos xeitos, aorganización recomenda utilizar temas musicais libres de dereitos de autor.
  10. As micromovies enviadas pasan a formar parte do arquivo deste concurso e os autores e autoras ceden gratuitamente os dereitos das obras para facer uso delas para ser exhibidas ou duplicadas sen fins comerciais co fin de promocionar o concurso.
  11. Calquera apropiación indebida de dereitos de autor na micromovie é responsabilidade da persoa que a inscribiu.
  12. Na gravación da curta respetaranse as normas que o centro educativo teña sobre o uso do móbil.
  13. Poderanse facer grabacións na aula CeMIT informando os seus usuarios do destino das imaxes.

 

date
 

I CONCURSO FOTOGRÁFICO “FOTO-POESÍA-MÓBIL” 2011


Outubro 11th, 2011

Desde a Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova chéganos un suxestivo convite: poñerlle imaxes aos textos de Celso Emilio Ferreiro. Ler para imaxinar, nunca mellor dito! Botádelles unha ollada á convocatoria, despois outra aos poemas de Celso Emilio, e despois, a capturar. Así de fácil.

Bases

Neste concurso poderán participar todas as persoas maiores de 16 anos e que posúan un teléfono móbil con cámara de fotos.
A temática xira en torno ao celanovés Celso Emilio Ferreiro (nas portas da celebración do I Centenario do seu nacemento en 2012) e as fotografías presentadas a concurso terán como motivo a súa poesía.
Seis son os poemas propostos e nos que os concursantes deberán inspirarse para realizar a captura das imaxes. Para participar poderán envialas á Fundación Curros Enríquez ou ao Concello de Celanova cos datos persoais dos participantes e nas que nos deberán indicar o fragmento do poema escollido e o lugar onde foi realizada a fotografía: ‘Os meus amigos”, “O meu val”, “O estranxeiro” e “Ourense na lembranza” de Onde o mundo se chama Celanova, “Son un pasmón”  de Longa noite de pedra e “Doce outono” de Viaxe ao País dos Ananos.

O prazo de presentación de fotografías será durante todo o mes de outubro. Ao finalizar a recepción, seleccionaranse as imaxes que optarán a un dos tres premios e dous accésit consistentes en diverso material fotográfico aportado por varias entidades colaboradoras da vila de Celanova.

Finalmente, con motivo da colaboración da Fundación Curros Enríquez e o Concello de Celanova na organización do ‘Outono fotográfico’ organizado pola Casa de Xuventude de Ourense, organizarase unha mostra con 50 fotografías seleccionadas entre as recibidas que se exporá na Casa dos Poetas ou noutro espazo acondicionado polo Concello de Celanova durante a segunda quincena do mes de novembro.

Xúntanse as bases do I Concurso fotográfico “Foto-poesía móbil” 2011 para a súa consulta e difusión. Estas tamén poderán ser consultadas nas páxinas web: www.currosenriquez.es e www.concellodecelanova.com.

date