actividadesArchive for the '' Category

Os recortes no ensino público: moito que falar


Xuño 11th, 2012

O mércores, 13 de xuño, ás 19:30, estamos convocados no cine Alovi das Pontes para un acto sobre os recortes que se están a vivir nos servizos públicos, e máis concretamente, no ensino.  A Federación de A.N.P.A.s Abrente organiza a proxección do documental que sobre este tema se elaborou entre a comunidade educativa do I.E.S. Moncho Valcarce, baixo a dirección de Lupe Leira.

A seguir esta proxección, haberá un debate-coloquio moderado por Javier Santamariña, representante de Abrente, e no cal intervirá, entre outros, o economista e profesor da UDC Anxo Calvo. Nese coloquio poderán tomar a palabra todos os asistentes, xa que pretende ser un acto aberto e participativo.

No EDNL do Moncho estamos moi orgullosos de que os compañeiros de Abrente decidisen proxectar este traballo, a modo de estrea, no acto do vindeiro mércores, xa que a realización de documentos audiovisuais foi unha das liñas de traballo que nos propuxemos para este curso académico.

Suma a túa voz, ven ao Alovi o vindeiro mércores!

 

date
 

O Clube Deportivo As Pontes femenino


Maio 25th, 2012

O CD As Pontes feminino creouse no ano 2008 e nesa pretemporada contaba con máis de 40 rapazas que querían comezar a xogar ao fútbol. Co tempo o número de xogadoras foi descendendo ata chegar ás 25 actuais. Leti, Silvia, Noe, Andrea Pita, Miri, Yaiza, Carmela, Jani, Lara, Clara, Alba, Lau, Lía, Carlota, Patri, Chipy, Candela, Monda, Laura Permuy, Patri Rochela, Uxía, Carla, Nato, Paula e Emma son rapazas de entre 11 e 29 anos que levan xogando xuntas, as que máis, 4 temporadas.

Nesta temporada, o CD As Pontes militou no Grupo 1 da 2ª Autonómica feminina e foi o 8º clasificado na Liga, perdendo na Copa contra o Portosín de Preferente.

No primeiro ano de existencia do equipo, dúas das súas xogadoras (Patricia Blanco e Yaiza) foron chamadas para a Selección galega sub-16 e xogaron o Campionato de España desta mesma categoría. A primeira fase tivo lugar en Marbella, e a selección quedou fóra por un só tanto.

Na temporada 2009-2010 conseguiron pasar a fase de grupos da Copa Galega e continuar, xunto co Victoria da Coruña (actual equipo de Preferente autonómica), na seguinte fase da competición. Ademais, revalidaron o título do trofeo de Cariño que xa gañaran a temporada anterior.

Un dos seus mellores logros foi o pase a oitavos de final da Copa Galega, na temporada 2010-2011. Tras quedar primeiras na fase de grupos por riba do Monte Forte e o Milagrosa (dous dos equipos máis fortes da Liga), pasaron á seguinte fase na que xogaron contra o Bértola, 2º clasificado esta temporada en Preferente Autonómica.

Unha colaboración de Carla Da Silva Castro.

date
 

En maio, circulan as Letras…


Maio 15th, 2012

Do 16 ao 23 de maio, trae un libro até o “dispensario de letras” que encontrarás no vestíbulo do noso centro. Por cada 50 páxinas de letras (en libro) que traias, recibirás un “andrade”, a moeda que vale letras este ano.

Os “andrades” que recibas poderás trocalos polos libros que queiras de entre os que se oferten no “dispensario de letras”. Mais lembra,
1 “andrade” = 50 páxinas!

date
 

Historia da lingua: todo un traballo


Febreiro 10th, 2012

Aquí presentamos a Historia da Lingua.  É obra de Alberto da Silva, e foi elaborado nas aulas de Lingua Galega e Literatura. É moito o que se pode aprender nel! Non deixes de velo!

date
 

SAMAÍN 2001 I CONCURSO LITERARIO DE RELATOS BREVES


Outubro 7th, 2011

Desde o Equipo de Dinamización Lingüística do Moncho Valcarce queremos comezar esta nova etapa na rede facendo, como non, que o persoal lle dea á lingua. E que mellor que o misterio, os espíritos e un pouquiño de medo para dar que falar? Entón, aí tedes as bases do I concurso de microrrelatos, que contará tamén con premios misteriosos! Lédeas con atención, e non deixedes de particpar. Déamoslle á lingua todo o que merece!

Bases

A temática dos relatos presentados deberá estar relacionada co Samaín, e portanto ter algunha relación co mundo do “máis alá”, ou coa presenza ou irrupción do mundo dos mortos no dos vivos, ou viceversa!

Unicamente poderán presentarse traballos escritos en lingua galega.

A extensión máxima dos relatos concorrentes será de 350 palabras, e calquera texto que sobrepase este límite será excluído. Os relatos poderán apresentarse preferentemente en formato dixital, nun arquivo de texto, ou ben manuscritos.

Tamén se poderan enviar por correo electrónico á conta de correo:

normaliza.ies.moncho.valcarce@gmail.com

Haberá tres niveis:

1.     1º , 2º e 3º da E.S.O.

2.     4º da E.S.O. e Bacharelato

3.    Profesorado, pais e nais, e persoal non docente.

A data límite para a entrega de traballos será o 26 de outubro de 2011.

Os premios fallaranse o 28 de outubro, e serán entregados a víspera do Samaín. En coherencia co xénero literario que promove o concurso, até a víspera do Samaín non se dará a coñecer en que consiste cada un dos premios de cada categoría.

E lembra, o terrorífico ha de ser o argumento, ou os personaxes, mais nunca a ortografía ou a presentación.

Organiza: Vicedirección

Colabora: Equipo de dinamización lingüística / Biblioteca

date