En maio, circulan as Letras…


Maio 15th, 2012

Do 16 ao 23 de maio, trae un libro até o “dispensario de letras” que encontrarás no vestíbulo do noso centro. Por cada 50 páxinas de letras (en libro) que traias, recibirás un “andrade”, a moeda que vale letras este ano.

Os “andrades” que recibas poderás trocalos polos libros que queiras de entre os que se oferten no “dispensario de letras”. Mais lembra,
1 “andrade” = 50 páxinas!

date
 

I «Sentada pola lingua»


Maio 9th, 2012

O sábado 12 de maio, ás 12 da mañá, a Mesa das Pontes convócanos para traer a lingua á praza. No Parque Municipal todas as veciñas e veciños da vila e a contorna estamos convidados a lermos  un texto en galego da nosa escolla. Quen o desexe, poderá poñerse en pé para ler, recitar e/ou cantar un anaco da obra seleccionada.

Trátase dun acto aberto, lúdico, festivo e reivindicativo, como é sempre a Festa das Letras. Queremos galego, tamén na rúa!

Nesta «sentada», ademais da participación de Xalo Maira, responsable do pub F&K e gañador do premio O Tesouro polo emprego do galego no mundo da empresa, contaremos tamén coa presenza de músicos e poetas da vila.

Animádevos, tráede a lingua convosco!

date
 

Xa podemos ir pensando nas festas…


Maio 4th, 2012

 

BASES CONCURSO “FESTAS DO CARME E A FRAGA”

O concello das Pontes convoca un concurso de redacción dirixido aos rapaces e rapazas dos centros de ensino. Está repartido en tres categorías.

  • Para a categoría B (1º e 2º de ESO) o traballo consistirá nun ensaio en lingua galega cunha exensión máxima de dous folios por unha soa cara sobre o tema : “Como serían para ti as festas ideais?” Nesta categoría o premio consistirá nun MP-3
  • Na categoría C (3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio) o traballo a presentar consistirá nun ensaio en lingua galega cunha extensión máxima de dous folios por unha soa cara sobre o tema : “Que significan as festas para un pobo?” Nesta categoría o premio consistirá nun iPod.

Os ensaios premiados serán publicados na Revista das Festas de 2012. Ademais serán lidos polos/as autores/as durante o Pregón das Festas de 2012.

Os textos deberán presentarse na Biblioteca Municipal (Avda. Castelao, s/nº) en sobre pechado co título e lema ou pseudónimo do autor, acompañado doutro pequeño sobre tamén pechado, no que constará o auténtico nome e apelidos do autor, centro no que cursa os seus estudos e teléfono de contacto.

Atención ao prazo de presentación, que remata o 14 de maio de 2012. Hai que traballar rápido!

Animádevos a participar, que disto é moito o que sabedes!

date
 

Vitaminas para o galego


Marzo 23rd, 2012

Ante a desaparición paulatina mais constante de varios medios de comunicación en lingua galega, tanto dixitais como impresos, durante os últimos meses, varias medios de información decidiron lanzar esta interesante campaña, chamada Vitaminas para o galego, que pretende nos sensibilizar e facernos pensar sobre o importante que é a pluralidade da información, e o necesario que é podermos acceder a ela na nosa lingua.

Non deixes de visitar o seu blogue, onde poderás encontrar, entre outras cousas, as ligazóns aos diferentes medios de comunicación que empregan o galego para nos informar, ou as variadas iniciativas que acolle esta campaña.

Deámoslle vitaminas ao galego!

date
 

Unha canle chea de imaxes e de palabras: canle.tv


Marzo 9th, 2012

Tras a desaparición de flocos.tv, desde a Axencia Galega das Industrias Culturais promóvese agora canle.tv, o portal de imaxes para o audiovisual galego.

Non deixes de visitalo, é moito o que hai: ficción, documentais, animación, videoclips, curtametraxes..!

Nós quixeramos recomendarche, para empezar, calquera das curtamentraxes de animación de Tomás Conde e Virgina Curiá. Vas ver!

http://canletv.agadic.info/

date
 

É tempo d’As Boliqueiras! É tempo de Cunqueiro!


Febreiro 27th, 2012

NOVIDADE IMPORTANTE:

o prazo para a presentación de traballos foi ampliado, tedes agora até o 23 de abril!

Xa se fixo pública a convocatoria do V Certame das Boliqueiras, que organiza o grupo pontés da Mesa pola Normalización Lingüística, coa axuda do Concello das Pontes e de Endesa. Nesta convocatoria, o escritor Álvaro Cunqueiro é  a figura central, e nas categorías destinadas ao alumnado de secundaria hai novidades importantes, que convidan a novas formas de ser creativos.

E.S.O. / traballos para voces

Para 1º e 2º da E.S.O.  trátase de elaborar, por equipos, un arquivo de audio (podcast), en que, se adapte para varias voces (narrador, diferentes personaxes que dialogan, ou pensan…) un conto de Cunqueiro. Poderá haber efectos sonoros ou musicais, e tal traballo non debería exceder os 3 minutos de duración.

Os textos, dos cales os participantes deberán escoller un, figuran nos libros Os outros feirantes e Xente de aquí e acolá e son os seguites: «O paraugas Xacinto»,» Os diálogos de Perrín», «Barcas e o golpe», «O cabalo de Alberte Merlo», «Amadeo de Sabres», «Paulino de Botas» ou «O corvo Estanislao».

3º e 4º da E.S.O. e Bacharelato / curtametraxes

Para o Bacharelato,  nas Boliqueiras deste ano propóñenvos a elaboración dunha curtametraxe, que non exceda os 3 minutos, e que consista nunha adaptación audiovisual dun conto de Cunqueiro. O traballo tamén se realizará por grupos e, evidentemente, a recreación do relato será libre, isto é, non ha de recoller punto por punto o que aparece no texto, senón que os participantes poderán seleccionar os aspectos que crean convenientes, e mesmo modificar o desenlace da acción.

Os contos  que deben servir de partida para a elaboración do audiovisual están tamén comprendidos en Os outros feirantes ou Xente de aquí e acolá, e son os seguintes:  «Liñas de Eirís», «Rello de Pontemil», «Tristán García», «Don Felicio escribe desde o outro mundo», e «O corvo Estanislao». Os participantes, ao igual que na categoría anterior, deberán de elexir un deses relatos para a súa curtametraxe.

O premio, para cada categoría, é de 150 €. E o prazo de presentación dos traballos foi ampliado até o 23 de abril.

Podedes presentar os traballos na Biblioteca Municipal das Pontes, ou ben a través do seguinte correo electrónico: boliqueiras@gmail.com. Non esquezades indicar o nome dos participantes, así como o voso enderezo e un número de teléfono de contacto.

Para máis información, diríxete ao Equipo de Dinamización Lingüística.

date
 

Falar de amor: os gañadores!


Febreiro 14th, 2012

Aquí temos o gañador e as gañadoras da convocatoria de «falar de amor». Parabéns para os tres, e grazas a todos por participar. Non deixedes de lle dar a forma das palabras ao amor!

A entrega de premios ás gañadoras e ao gañador terá lugar o vindeiro venres, 17 de febreiro, durante o festival do Entroido que celebraremos no centro. Pódeno recoller persoalmente, ou ben por medio do seu/da súa representante.

Categoría: a) 1º, 2º e 3º da E.S.O

Adrián Palmeiro Pardo (1º ESO B)

As palabras que existen no planeta faríanse pequenas para mostrarche o meu amor cara a ti.” (nº3)

Categoría: b) 4º da E.S.O., Bacharelato, e P.C.P.I.

Carla da Silva Castro (2º Bacharelato A)

«Non seremos os mellores do mundo, pero seremos nós, que é moito máis (nº 25) »

Categoría: c) Profesorado, pais e nais, e persoal non docente

Adoración Pilar Pena Rodríguez

«Descubrín a maxia do amor ao estar contigo… Es a chispa da miña vida» (nº 53)

 

date
 

Falar de amor: as declaracións!


Febreiro 13th, 2012

Xa temos aquí algunhas das declaracións amorosas que foron chegando para o noso concurso «Falar de amor». Así que contamos con palabras para o 14 de febreiro, e para todo o ano!

Grazas a todas as persoas que se animaron a participar! Mañá faremos públicos os nomes dos/das gañadores/as.


Categoría: a) 1º, 2º e 3º da E.S.O

  • A vida dános 1000 razóns para chorar. Demostreille que tiña 1001 para sorrir ao coñecerte. (nº 1)
  • Nunca digas nunca, tampouco digas sempre, dime que me queres como nunca, para sempre. (nº 2)
  • As palabras que existen no planeta faríanse pequenas para mostrarche o meu amor cara a ti. (nº3)

Categoría: b) 4º da E.S.O., Bacharelato, e P.C.P.I.

  • Non seremos os mellores do mundo, pero seremos nós, que é moito máis. (nº 25)

Categoría: c) Profesorado, pais e nais, e persoal non docente.

  • Se tivera que elixir entre a choiva que bate no tellado e ti quedaríame contigo. (nº 50)
  • Se me dis vén non deixo todo pero trabarei as nosas pegadas  na area. (nº 51)
  • Gústame escoitar a túa voz: arroupa máis cun  edredón nórdico de pluma de oca 100% .  (nº 52)
  • Descubrín a maxia do amor ao estar contigo… Es a chispa da miña vida. (nº 53)
  • Quero que me aprenda a mentir a túa lingua. (nº 54)
  • Chúchame deste pasadizo escuro cos bicos teus.  (nº 55)
  • Tírome ao pozo sen corda dos teus ollos.  (nº 56)
  • Tírome ao pozo dos teus ollos e amárrome ao teu pescozo.  (nº 57)

 



date
 

Historia da lingua: todo un traballo


Febreiro 10th, 2012

Aquí presentamos a Historia da Lingua.  É obra de Alberto da Silva, e foi elaborado nas aulas de Lingua Galega e Literatura. É moito o que se pode aprender nel! Non deixes de velo!

date
 

Imaxes (de Chema Madoz) para palabras (nosas)


Febreiro 3rd, 2012

Aquí temos o traballo que realizou o alumnado de 1º de Bacharelato na materia de Filosofía, a partir de magníficas fotografías de Chema Madoz.


View more documents from felixlongueira.

 

Parabéns a todos e todas os que interviñestes na elaboración, e grazas por compartilo connosco.

date
 
Olark Livehelp